jueves, 25 de febrero de 2016

CONCELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

"Adeus ríos, adeus fontes"

23 de febreiro de 2016
Perante as vindeiras conmemoracións do Día Forestal Mundial (21 de marzo), do Día Mundial da Poesía (21 de marzo) e do Día Mundial da Auga (22 de marzo), a concellería de Medio Ambiente de Fene impulsará este ano o programa “Adeus ríos, adeus fontes”, dirixido ao conxunto da comunidade educativa do Concello de Fene e, en particular, ao alumnado de Primaria.
Ilustración de Philiphot (fondos do Museo do Humor)
Cinco centros escolares do municipio -o CPI A Xunqueira, o CPR Jorge Juan e os Ceip de Centieiras, O Ramo e Os Casais- partiparán nesta iniciativa coa que se pretende “conmemorar, de xeito transversal e interrelacionado, as tres efemérides”.
“Pór de relevo o valor das árbores e dos bosques, xerar conciencia sobre a importancia da auga para a vida e poñer en valor a poesía como xénero literario”, son os principais obxectivos de “Adeus ríos, adeus fontes”, segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar.
O programa xeral, dirixido ao conxunto da comunidade educativa, consistirá en distintas actividades que se desenvolverán a finais do vindeiro mes de marzo nos propios centros de ensino. Os/as alumnos/as participantes comezarán traballando na escolla de poemas relacionados coa auga e os bosques, amais de elaborar os seus propios poemas. Posteriormente plasmarán, tanto os poemas escollidos coma os propios, en flores de papel que, finalmente, pendurarán dunha árbore xigante (tamén de papel), instalada no colexio o día 1 de abril. Para esa mesma xornada, promoverase a lectura simultánea dun poema de Manuel María.
“Adeus ríos, adeus fontes” incluirá tamén unha actividade específica, dirixida ao alumnado de Primaria, que terá lugar o 1 de abril no parque liñal que hai baixo o viaduto da autoestrada. Consistirá na plantación de árbores autóctonas e na lectura de poemas (1 por centro). O alumnado e profesorado participante recibirá unha camiseta conmemorativa da xornada, serigrafiada cunha ilustración de Philiphot (fondos do Museo do Humor). Para o desenvolvemento desta actividade, contarase coa colaboración de persoal municipal, profesorado, 14 monitores/as contratados e voluntarios/as de protección civil.

Ligazóns

No hay comentarios:

Publicar un comentario