CAMIÑO DE CHAMORRO
Conta a lenda que nenos e maiores das parroquias de Serantes, A Graña, da vila de Ferrol... ían de romería unha vez ao ano a Nosa señora do Nordés.
Tiñan que camiñar e subir a costa cara a Chamorro, onde estaba situado o santuario dende o S. XVI. Os romeiros e romeiras levaban sardiñas, pan de centeo, castañas e rosquillas de mel.
A virxe do Nordés érache moi querida e milagreira: os pescadores pedíanlle sorte na pesca e librar das tempestades do mar; os campesiños do lugar suplicaban boas colleitas, evitando as sequías e temporais. E todos esperan a axuda da virxe.
Contan que era o ano 1666, e a recén formada Confradía da virxe de Chamorro organizara a romaría para difundir aínda máis a súa devoción. Desde o alto do monte podían divisar a ría, coas escuadras reais invernando e esperando a orde de partir con destino a algunha batalla naval. Tamén vían a pequena vila mariñeira de Ferrol.
Din que un día un pescador, co bote a punto de afundir baixo o mar embravecido, implorou axuda da virxe do Nordés e, angustiado, exclamou: - Xa morro!
A virxe fixo a milagre e salvouno daquela tempestade. Din que dende entón chamáronlle a ermida de Chamorro.
Na realidade o nome procede da forma e do estado do monte rochoso. Pero, como sabemos todos, as lendas son fermosas historias cheas de fantasía que forman parte da nosa cultura popular.
No hay comentarios:
Publicar un comentario