sábado, 14 de abril de 2018

ROTEIRO LITERARIO: UN MAR DE LENDAS PENSANDO SOBRE O NOROESTE GALEGO

A SERPE DO BELELLE NO CONCELLO DE FENE
Conta a lenda que hai moitos anos, no concello de Fene, en Sillobre, no pozo negro da presa do Belelle, vivía unha gran serpe con dúas ás e cuberta de anchas escamas, que durmía arrolada no berce das augas con sabas de limo e colcha de xuncos e de herbas acuáticas.

Ela era moi viaxeira. Coas ás pequerrechas a penas conseguía soportar o voluminoso corpo nun voo rasante. Con esforzo e moito entreno lograba percorrer a zona enteira ata a Praia de Cabanas. Hai quen di que o instinto maternal insatisfeito a levaba a tomar as nove ondas, ou tal vez os nove baños, porque fillos nunca se lle coñeceran.

Quen a vía ao pasar por alí, quedaba aterrado. O medo estendeuse pola vila e planearon matala. Xuntáronse veciños de varias aldeas e argallaron facer cuns madeiros unhas puntiagudas estacas, a modo de afíadas lanzas. Colocáronse coas puntas cara arriba, na ruta da serpe en dirección a Cabanas, por onde voaba baixiño e mesmo ás veces pousabase a descansar. E alí un día quedou espichada.

Os berros da lenta agonía da serpe, escoitáronse moi lonxe de alí. As escamas defensivas do seu corpo nada puideron ante o home, depredador insaciable.

Agora as augas do Río Belelle xa non discorren cantareando senón laiando.


No hay comentarios:

Publicar un comentario