O "ADEUS CARIÑO" DOS CELTAS
O actual porto de Cariño foi construído ó abrigo da Punta do Castro. Sobre esa altura existíu un castro marítimo, amurallado só nos reducidos tramos, onde non estaba protexido coa inmellorable defensa natural dos altos e escarpados cantís.
Conta a lenda que o señor do Castro, a pesar do seu poder, era ás veces consumido pola melancolía. A súa filla, a fermosa princesa loira, por causas descoñecidas acababa de morrer, e a enterraran nunha mámoa no alto da Serra da Capelada.
No tempo dos Celtas pasou por diante de Ortegal a expedición de Ith, o fillo do rei Breogán, que dende a Coruña dirixíase a Irlanda, e fixo escala na Praia cercana ó castro. Corenta e nove xefes celtas cos seus homes e navíos compoñían a expedición, e a ela uníronse o Señor do Castro e os fillos. Ó partiren, xa rumbo á Estaca de Bares, o pai e irmáns da princesa morta, miraron cara ós montes e dixeron:
-"Adeus, cariño".
Anos máis tade, o xefe celta Lughidh regresou a Galicia para traer a soterrar o cadáver do seu pai Ith, en terras de Breogán. Ó zarparen de novo a Coruña, aquel antigo xefe do Castro e os fillos sentían por segunda vez a tristura no seu corazón e despedían á princesiña ollando para a tumba da Capelada, dicindo:
-"Adeus, cariño"
No hay comentarios:
Publicar un comentario