A LENDA DA RAÍÑA FALADORA DA SERRA
Era unha vez un rei suevo, chamado Remismundo que dominaba en Galicia alá pola Idade Media.
Conta a lenda que un día, un deses persoeiros malvados e troleiros que vivían na corte a expensas do poder, como as carrachas nos cans, foille ao rei Remismundo co conto que a súa dona, a raíña Hidelfrida, éralle infiel.
Non só a súa dona ten varios amantes, senón que é ruín cos seus propios fillos, dos que sempre fala mal. E foi ela mesma, quen ordenou matar ao seu fillastro.
O rei creu as plabras mentireiras. O desacougo inicial producido polo desamor foi dando paso no ánimo e no corazón do rei, a un sentimento de desprezo e vinganza contra a mala esposa e nai. E o castigo non se fixo esperar.
Días máis tarde. Remismundo ordenou enterrala viva alá no alto da Serra que parte de Bares e discorre paralela ao río Sor.
De nada lle serviron á raíña as súas explicacións, súplicas e bágoas. A sentenza real cumpriuse e Hidelfrida foi enterrada viva, baixo pedras na parte máis alta da serra.
Por riba da súa tumba só as aguias sobrevoaban e vixiaban desconfiadas os seus niños ante o paso das carretas cos seus arrieiros, sempre á procura de atopar entre os seus ovos a "pedra de aguiar" da que dicían que curaba envelenamentos, dores de ventre, lombrigas e ata a pleurite. Alí quedou Hidelfrida en vida, difamada e seca de tantos choros e plegarias.
Din que os seus queixumes e xemidos aínda hoxe saen entre as fendas das penas, resoan pregoando a súa dor, e outras rochas contéstanlle tratando de consolala. Disque é unha serra que coa raíña fala, por iso chámanlle a Serra da Faladoira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario