domingo, 15 de abril de 2018

ROTEIRO LITERARIO: UN MAR DE LENDAS PENSANDO NO NOROESTE GALEGO

O SAN VICENTE ENCADEADO DA IGREXA DE FERREITA EN SAN SADURNIÑO

Na igrexa parroquial de Ferreira, no concello de San Sadurniño, hai unha imaxe de San Vicente encadeado.

Dende a cima do Pico de Ferreira albíscase a igrexa e todo o val, que baixa a San Sadurniño, e tamén se pode contemplar outros moitos vales, montes e o mesmo mar. Neste curuto de vexetación escasa, nunhas rochas que configuran o terreo hai escavado un oco en forma de sartego antropomorfo.

Conta a lenda que o oco era a cama dun eremita que vivía alí solitario, canonizado posteriomente. Co tempo, a igrexa de Ferreira, adicada a San Pelaio, tivo unha imaxe do eremita San Vicente. Pero disque polas noites a imaxe desaparecía, e sempre era atopada na súa antiga cama de pedra do Pico.

O santo debía de ter saudade das vistas e do aire limpo, ou se cadra xa non estaba afeito á compaña doutros santos. Os veciños fartos de ir cada día búscalo, decidiron atalo cunha cadea.

Enriba do Pico de Ferreira, agora a cama está baleira, esperándoo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario